Thursday 09 de May de 2024

O Piolindo conquista os padais do público e do xurado e consegue dous premios no Concurso de Tapas “Carral con moito gusto”


• O establecemento xa gañara a primeira edición do certame, celebrada en 2019.

• No segundo posto produciuse un empate entre a Pizzería Centro de Tabeaio e o Bar Tropezón.

O Concello de Carral levou a cabo a entrega de premios do seu Concurso de Tapas “Carral con moito gusto”. Nesta segunda edición, O Piolindo volveu conquistar os padais da clientela e do xurado profesional coa súa elaboración “Nin albóndegas nin croqueta, lacón con seta”. Por segunda vez, o local fíxose tanto co primeiro premio do xurado profesional como co galardón do público. O establecemento xa conseguira este fito na primeira edición da iniciativa, celebrada en 2019.

No segundo posto produciuse un empate entre a Pizzería Centro Tabeaio (tapa “Meixela á miña maneira”) e o Bar Tropezón (tapa “Lingua de tenreira con pataca confitada”.

Desde o goberno local valoraron as cifras de participación nesta edición e agradeceron o “compromiso e o esforzo realizado polos hostaleiros participantes ao longo do certame”. O obxectivo do equipo de goberno é seguir apostando por este tipo de iniciativas, coas que se busca “promover o consumo nos bares, restaurantes e todo tipo de negocios hostaleiros, que viviron un ano e medio especialmente difícil pola emerxencia sanitaria, sufrindo varios peches e paróns na súa actividade”.